In memoriam...dun case esquecido
Trece de febreiro de 2012. Unha data coma outra calquera para moitas persoas; ou cecáis non, e ocorren cousas moi relevantes na vida dalgunhas persoas. Porén dende a miña perspectiva, non é demasiado importante porque a miña intención ao escribir estas liñas é a de recordar que tal día coma hoxe, hai cincuenta e catro anos, morreu un dos ilustres da poesía galega e española. Seguramente se digo Luís Benigno Vázquez Fernández, a moi poucos lles soaría, porén se recordo o seu apelido familiar - Pimentel - xa se vai facendo coñecido don Luís Pimentel (Lugo, 18/XII/1895 - Lugo, 13/II/1958).
Lucense de nacemento, médico de profesión e poeta de espírito; enmárcase entre as xeracións do 25 e a do 27, mantendo contacto con outras personalidades destacadas como os tamén lucenses Ánxel Fole e Celestino Fernández de la Vega, e tamén co autor de Hijos de la ira, o madrileño Dámaso Alonso, entre outros.
A miña pretensión non é a de facer aquí un repaso pola súa vida, nin moito menos. Simplemente o que busco é darlle, dende a miña modesta persoa, o recoñecemento que realmente considero que merece don Luís; xa que a pesares de lle adicar o Día das Letras Galegas, no 90, non se lle soubo nin valorar nin ler; xa non a nivel español, senón que na nosa terra, por máis que me pese, tampouco.
Os que percorremos a cidade de Lugo, moi presente na súa obra, tantas veces sen presa, sen un punto fixo no que nos deter, achegámonos moito ás imaxes que recreaba a estética pimenteliana. As súas rúas e prazas, a luz no outono e as sombras no verán, as murallas e o seu carácter...
Por outra a forma de abordar certos temas vitais, tan presentes na vida dun ser humano que en ocasións nin nos decatamos que existen, é tan próximo a como os abordo eu, que cecáis, a miña valoración non sexa obxectiva; aínda así, estou convencido que está á altura dos máis grandes. Por todo isto, levo hoxe un crespón negro na miña alma, en recordo do mencionado don Luís.
Sempre dito dende a sombra e o silencio: grazas polos versos e os momentos.
P.D. Tardei moito tempo en actualizar o blog por diversas razóns, porén considero que esta é unha ocasión inmellorable para facelo, necesitaba expór ao mundo esta opinión. Saúdos.
(Non entendo porque hai esta distancia entre párrafos, cousas do blog).
Amigo, gustoume moito esta última entrada túa, que atopo tarde.
ResponderEliminar"Sombra do aire na herba" é un libro fermoso pola franqueza coa que está escrito e o ben que nos lembra a pizarra, o orballo e a infinda nostalxia da tua terra.
Don Luís escribiu con silenzos. Foi poeta do verso segredo, da bágoa contida do caldo gris e do neno probre.
Con Rosalía, un dos mellores cantores da nosa Galicia profunda, polo menos que eu coñeza.
Un Saudo e moito ánimo en Madrid.