In memoriam...dun case esquecido
Trece de febreiro de 2012. Unha data coma outra calquera para moitas persoas; ou cecáis non, e ocorren cousas moi relevantes na vida dalgunhas persoas. Porén dende a miña perspectiva, non é demasiado importante porque a miña intención ao escribir estas liñas é a de recordar que tal día coma hoxe, hai cincuenta e catro anos, morreu un dos ilustres da poesía galega e española. Seguramente se digo Luís Benigno Vázquez Fernández, a moi poucos lles soaría, porén se recordo o seu apelido familiar - Pimentel - xa se vai facendo coñecido don Luís Pimentel (Lugo, 18/XII/1895 - Lugo, 13/II/1958).
Lucense de nacemento, médico de profesión e poeta de espírito; enmárcase entre as xeracións do 25 e a do 27, mantendo contacto con outras personalidades destacadas como os tamén lucenses Ánxel Fole e Celestino Fernández de la Vega, e tamén co autor de Hijos de la ira, o madrileño Dámaso Alonso, entre outros.
A miña pretensión non é a de facer aquí un repaso pola súa vida, nin moito menos. Simplemente o que busco é darlle, dende a miña modesta persoa, o recoñecemento que realmente considero que merece don Luís; xa que a pesares de lle adicar o Día das Letras Galegas, no 90, non se lle soubo nin valorar nin ler; xa non a nivel español, senón que na nosa terra, por máis que me pese, tampouco.
Os que percorremos a cidade de Lugo, moi presente na súa obra, tantas veces sen presa, sen un punto fixo no que nos deter, achegámonos moito ás imaxes que recreaba a estética pimenteliana. As súas rúas e prazas, a luz no outono e as sombras no verán, as murallas e o seu carácter...
Por outra a forma de abordar certos temas vitais, tan presentes na vida dun ser humano que en ocasións nin nos decatamos que existen, é tan próximo a como os abordo eu, que cecáis, a miña valoración non sexa obxectiva; aínda así, estou convencido que está á altura dos máis grandes. Por todo isto, levo hoxe un crespón negro na miña alma, en recordo do mencionado don Luís.
Sempre dito dende a sombra e o silencio: grazas polos versos e os momentos.
P.D. Tardei moito tempo en actualizar o blog por diversas razóns, porén considero que esta é unha ocasión inmellorable para facelo, necesitaba expór ao mundo esta opinión. Saúdos.
(Non entendo porque hai esta distancia entre párrafos, cousas do blog).